26.4.06

Suxestións para o traballo

Cantas veces teño escoitado aquilo de "as Matemáticas non se estudan". Non sei que entende a xente que fai esta afirmación por estudar. Evidentemente as Matemáticas si que se estudan; e dun xeito moi parecido a como se deberían estudar tódalas materias.

Figuran a continuación unhas poucas suxestións para axudar a un mellor traballo das Matemáticas e de tódalas materias.

O primeiro é traballalas desde o primeiro día e un pouco cada día. A lo menos debemos volver a mirar e reafirmar o dado en clase para non esquecer o xa entendido e poder así comprender o do día seguinte. Se rachamos esta cadea é evidente que non entenderemos contidos posteriores e iremos acumulando un déficit comprensivo dificilmente recuperable.

Aínda entendendo os pasos realizados polo profesor ou por un compañeiro para a resolución dun exercicio ou problema, non seremos quen de facelo nos se non o intentamos antes. Non se trata de repetir os problemas xa feitos ata que os aprendamos de memoria, se non que debemos comprender os pasos dados en cada momento; non é cuestión tanto de memorizar se non de pensar e comprender no que imos escribindo e por que o escribimos. Debemos mirar, ler e comprender os noso apuntes ou libro antes de poñernos diretamente a resolver exercicios ou problemas.

Cómpre ter un horario semanal fixo: é moi recomendable confeccionar un horario realista (facilmente realizable) que fixe as horas que imos a adicar a cada tarefa día a día. Neste horario fixaremos as actividades fixas e encheremos o tempo libre para o estudo e tamén o lecer (que é importante).

Cando nos poñemos a estudar debemos fixarnos metas e aproveitar o tempo (é habitual levantarse para beber sen sede, para comer sen fame, para mirar que poñen na TV, ...). "Un bo estudante debe ter un bo traseiro no que sentarse"

O sitio de estudo será o máis illado e cómodo posible para a tarefa que nos ocupa: Un sitio onde podamos estar concentrados, con espazo amplo para ter o libro e/ou libreta aberta e onde, ademais, poder escribir en folios "a sucio" esquemas, gráficos, exercicios, etc. Tamén debemos anotar as dúbidas e, se non somos capaces de superalas por nos mesmos, preguntalas e resolvelas canto antes.

Se aproveitamos a explicación nas clases o traballo será moito máis doado. Cando o profesor explica a materia debemos estar concentrados na súa explicación para ir comprendendo paso a paso. Se nalgún momento non entendemos debemos preguntar (é evidente que se non estamos centrados na explicación e estamos falando ou pensando noutra cousa non imos a entender nada, pero tampouco temos dereito moral a preguntar e interromper). Despois disto se ao chegar á casa facemos o exposto anteriormente o curso será coser e cantar.

Unha cousa que nunca debemos facer é non tentar superar as dificultades. Todo obstáculo debe ser superado ou, polo menos, hai que loitar para elo. Non se debe caer nunha debilidade de carácter: é habitual que calquera dificultade pareza algo insalvable. NON É ASÍ. Con esforzo todo é superable.

Pensemos en todo momento que estamos a traballar para nos mesmos e que todo o que fagamos aportará algo á nosa formación e ao noso futuro. Se pensamos que o que facemos non nos servirá de nada, ademais de enganarnos a nos mesmos, fará que a dedicación non sexa coa concentración e interese axeitados para un bo aproveitamento.

Espero os vosos comentarios e que todo isto serva para mellorar.

19.4.06

Ola

“As matemáticas son o alfabeto co que Deus escribiu o Universo” (G. Galilei).

Este blog nace coa humilde pretensión de achegar as matemáticas ao alumnado de secundaria do CPI Monte Caxado. E, non só achegalas, se non que tamén practicalas e buscarlle relación coa nosa vida cotiá. Ao longo das nosas vidas, xornada tras xornada, cantas veces facemos uso das matemáticas sen apenas decatarnos?. Poderiamos vivir sen uns coñecementos básicos desta disciplina?. Seguramente a resposta no 100% dos casos é NON. Polo tanto non adoptemos posturas negativas cara a esta materia e, pola contra, profesorado, pais, nais e alumnado fagamos derrubar as moitas lendas negras desta asignatura, como por exemplo:


  • “Eu non valgo para elas”
  • “As matemáticas non se estudan; hai que nacer”

Esperemos que con estes comentarios (a ver se este é o primeiro dunha serie periódica e continua) todos vexamos outras formas de achegarnos á asignatura, outras relacións entre as cousas que nos rodean e as MATEMÁTICAS. É o propio alumnado o que elabora os contidos do blog e pretendemos nomear sempre as fontes de onde sae a información, pero se ti atopas algún erro ou omisión, pregamos que no lo fagas chegar.Gracias a todos e todas e esperamos que vos guste.