26.4.06

Suxestións para o traballo

Cantas veces teño escoitado aquilo de "as Matemáticas non se estudan". Non sei que entende a xente que fai esta afirmación por estudar. Evidentemente as Matemáticas si que se estudan; e dun xeito moi parecido a como se deberían estudar tódalas materias.

Figuran a continuación unhas poucas suxestións para axudar a un mellor traballo das Matemáticas e de tódalas materias.

O primeiro é traballalas desde o primeiro día e un pouco cada día. A lo menos debemos volver a mirar e reafirmar o dado en clase para non esquecer o xa entendido e poder así comprender o do día seguinte. Se rachamos esta cadea é evidente que non entenderemos contidos posteriores e iremos acumulando un déficit comprensivo dificilmente recuperable.

Aínda entendendo os pasos realizados polo profesor ou por un compañeiro para a resolución dun exercicio ou problema, non seremos quen de facelo nos se non o intentamos antes. Non se trata de repetir os problemas xa feitos ata que os aprendamos de memoria, se non que debemos comprender os pasos dados en cada momento; non é cuestión tanto de memorizar se non de pensar e comprender no que imos escribindo e por que o escribimos. Debemos mirar, ler e comprender os noso apuntes ou libro antes de poñernos diretamente a resolver exercicios ou problemas.

Cómpre ter un horario semanal fixo: é moi recomendable confeccionar un horario realista (facilmente realizable) que fixe as horas que imos a adicar a cada tarefa día a día. Neste horario fixaremos as actividades fixas e encheremos o tempo libre para o estudo e tamén o lecer (que é importante).

Cando nos poñemos a estudar debemos fixarnos metas e aproveitar o tempo (é habitual levantarse para beber sen sede, para comer sen fame, para mirar que poñen na TV, ...). "Un bo estudante debe ter un bo traseiro no que sentarse"

O sitio de estudo será o máis illado e cómodo posible para a tarefa que nos ocupa: Un sitio onde podamos estar concentrados, con espazo amplo para ter o libro e/ou libreta aberta e onde, ademais, poder escribir en folios "a sucio" esquemas, gráficos, exercicios, etc. Tamén debemos anotar as dúbidas e, se non somos capaces de superalas por nos mesmos, preguntalas e resolvelas canto antes.

Se aproveitamos a explicación nas clases o traballo será moito máis doado. Cando o profesor explica a materia debemos estar concentrados na súa explicación para ir comprendendo paso a paso. Se nalgún momento non entendemos debemos preguntar (é evidente que se non estamos centrados na explicación e estamos falando ou pensando noutra cousa non imos a entender nada, pero tampouco temos dereito moral a preguntar e interromper). Despois disto se ao chegar á casa facemos o exposto anteriormente o curso será coser e cantar.

Unha cousa que nunca debemos facer é non tentar superar as dificultades. Todo obstáculo debe ser superado ou, polo menos, hai que loitar para elo. Non se debe caer nunha debilidade de carácter: é habitual que calquera dificultade pareza algo insalvable. NON É ASÍ. Con esforzo todo é superable.

Pensemos en todo momento que estamos a traballar para nos mesmos e que todo o que fagamos aportará algo á nosa formación e ao noso futuro. Se pensamos que o que facemos non nos servirá de nada, ademais de enganarnos a nos mesmos, fará que a dedicación non sexa coa concentración e interese axeitados para un bo aproveitamento.

Espero os vosos comentarios e que todo isto serva para mellorar.

No hay comentarios: