31.5.07

Aprendizaxe doada

Despois de 2 semanas:

Só recordamos un 10% do que lemos
Só recordamos o 20% do que oímos
Só recordamos o 30% do que vemos

Recordamos o 50% do que oímos e vemos

Recordamos o 70% do que dicimos

Recordamos o 90% do que dicimos e facemos

Creo que a conclusión está clara: Se participades activamente a aprendizaxe será moito máis plena e doada.

26.5.07

Sección áurea

Estou a probar iso do podcast.

Acabo de gravar un arquivo de son cunha pequena poesía pertencente ao libro El pueblo de la noche de Manuel Rivas (Punto de lectura, Madrid 2004).
Como música de fondo soa A irmandade das estrelas de Carlos Núñez.

Para a próxima seguro que me sae mellor. Perdoade a mala calidade e non me critiquedes moito nos vosos comentarios.


24.5.07

Funcións logarítmicas (4º ESO)

Na seguinte imaxe tedes as gráficas das funcións y=2x (en verde) e y=log2x (en vermello). Comproba que son funcións recíprocas (ou inversas) entón as súas gráficas son simétricas respecto da recta bisectriz do primeiro cuadrante (recta y=x)





A continuación, nesta segunda imaxe, podedes observar as gráficas do logaritmo en base 3 (verde) e do logaritmo en base 1/3 (vermello). Como as bases do logaritmo son inversas, os logaritmos son opostos, polo tanto as gráficas son simétricas entre si respecto do eixe de abscisas.



22.5.07

Pirámide azteca (por Sara López)

Esta pirámide de aspecto azteca (ou maya) está na catedral de Santiago de Compostela. Grazas Sara por enviarma.

10.5.07

12 de maio: Día escolar das matemáticas

Dende o ano 2000 celébrase o día 12 de maio (aniversario de nacemento do profesor Pedro Puig Adam) o día escolar das matemáticas.

Este ano está adicado a "Matemáticas e Paz".

Reparade nestas cifras:

  • Cada ano máis de 500.000 persoas morren polo disparo dun arma convencional: unha persoa por minuto.
  • O número de persoas civís mortas na 1ª Guerra Mundial representaba unha porcentaxe entre tódalas vítimas do 14%. Esta porcentaxe subiu na 2ª Guerra Mundial ao 67%. Nalgúns conflictos de hoxe a cifra aínda é maior.
  • Actualmente uns 300.000 nenos soldados participan en conflictos armados.
  • Un tercio dos países do mundo invirten máis recursos nas forzas armadas que en servicios de saúde.
  • Cada ano os países de África, Asia, Oriente Medio e América Latina invirten un promedio de 22.000 millóns de dólares en armas. A metade desta suma permitiría que todos os nenos e nenas destas rexións recibiran educación primaria.
  • O 42% dos países que teñen o presuposto de defensa máis alto están entre os últimos en materia de desenrolo humano. Por exemplo, Eritrea invirte máis do 20% do seu produto nacional bruto en presuposto militar. E Pakistán gasta a metade do PIB entre defensa e débedas relacionadas coas armas.
  • En África as perdas económicas causadas polas guerras suman uns 15.000 millóns de dólares anuais.
  • Os cinco membros permanentes do Consello de Seguridade da ONU (Francia, Rusia, China, Reino Unido e EE UU) son responsables do 88% das exportacións mundiais de armas convencionais, e estas exportacións contribúen regularmente á comisión de abusos graves contra os dereitos humanos.
  • Durante os 4 últimos anos, EEUU, Reino Unido e Francia recibiron máis cartos das súas exportacións de armas a África, Asia, Oriente Medio e América Latina do que invertiron de axudas a estas rexións.

8.5.07

9 de maio: día de Europa

"Unida na diversidade" é a divisa da Unión Europea

7.5.07

Algunhas biografías (V)

Paolo RUFFINI (Valentano, cerca de Viterbo, 1765-Módena 1822) (Alba Moirón)

Matemático, médico e filósofo italiano. Os seus traballos máis importantes tratan sobre a teoría das ecuacións: en 1799 demostrou, polo estudio das sustitucións, a imposibilidade de formar unha resolvente de Lagrange de grao inferior a 5, e, en 1813, intentou establecer o teorema de Abel. Nos seus estudos sobre as probabilidades (1821) é contrario á concepción determinista de Laplace. Estivo durante moito tempo á marxe da universidade por razóns políticas. En 1814, foi nomeado rector da universidade de Módena, onde ensinou matemáticas aplicadas e mediciña, e onde estudiou o tifus durante a epidemia de 1817-1818.

Ruffini(regra de), regra práctica para o cálculo do cociente dun polinomio da grao n, polo binomio x-a: 1º., o cociente é un polinomio de grao n-1. 2º., o coeficiente do primeiro término do cociente é o mesmo que o do primeiro término do dividendo. 3º, os coeficientes dos restantes término do cociente áchanse multiplicando o coeficiente do término anterior por a e sumándolle ao resultado o coeficiente do término de igual número de orden do dividendo. O último dos números achados de tal forma, é dicir, o obtenido sumando o producto do término independente do cociente por a co término independente do dividendo, é o resto da división.

Bibliografía: Gran Enciclopedia Larousse

GAUSS (Sara López)

Matemático, físico e astrónomo alemán. De familia humilde, extraordinariamente dotado para as matemáticas, estudou na Universidade de Göttingen e doutorouse na de Helmstedt no ano 1799. Foi director do observatorio da Universidade de Göttingen, da que tamén foi profesor de astronomía. Considerado o matemático máis importante de todos os tempos, débenselles achegas transcendentais na teoría dos números e na álxebra: sistematización do uso de i= raíz de -1, demostración rigorosa do teorema fundamental da álxebra, como a teoría de determinantes,etc. Deu novidades importantes nos campos da xeodesia e da cartografía, e pódese considerar o creador da xeometría intrínseca. Espuxo o método para determniar órbitas planetarias partindo de tres observacións do astro. Estableceu un sistema absoluto de unidades eléctricas, que se basea no CGS. Como físico, en colaboración con Weber, fixo investigacións sobre o magnetismo, colaborou no deseño dun telégrafo eléctrico, inventoy o helióptero e o magnetómetro.

BIBLIOGRAFIA: "Enciclopedia Galega Universal"

3.5.07

Algunhas biografías (IV)

EUCLIDES (Lucia Freire)

Foi un matemático grego que viviu durante o século III a. C. Ensinaba matemáticas en Alexandría, onde fundou a escola máis célebre da antigüidade. É coñecido polos seus “Elementos”, que seguen sendo considerados o libro de xeometría por excelencia. Son un conxunto de 13 libros, nos que vai desenrolando diversos teoremas. Os 4 primeiros tratan da xeometría do plano e estudian só as figuras poligonales e circulares. Os 2 seguintes tratan a semellanza e as proporcións. A última parte trata da xeometría do espazo. Os libros considerados mellores son os que tratan a teoría dos números enteiros. Ten outros libros, os “Cálculos”, un complemento dos anteriores. Euclides formulou moitas das proposicións fundamentais, a máis importante, a que explica a propagación dos raios luminosos en liña recta.
Postulado de Euclides: Por un punto do plano só se pode trazar unha recta paralela a outra recta dada.

Bibliografía: Nova Enciclopedia Larousse. Editorial Planeta

GALILEO GALILEI (Pisa 1564-, Toscana 1642) (Iria Rey)

Astrónomo, matemático e físico italiano. Estudou medicina na Universidade de Pisa, pero en 1589 abandonou os estudos médicos e aceptou unha praza de profesor de matemáticas a mesma universidade.As súas ideas (como a de que todos os corpos, sexa cal sexa o seu peso, caen á mesma velocidade) contrarias á física aristotélica, e os seus experimentos sobre mecánica ocasionáronlle problemas cos seus compatriotas.Refuxiouse en Venecia, e entre 1592 e 1610 deu clases de matemáticas na Universidade de Padua.
Descubriu cun telescopio os cráteres da Lúa, que a Vía Láctea é un conxunto de estrelas, os catro maiores satélites de Xúpiter e tamén observou as manchas solares. Expuxo estes descubrimentos en Sidereus Nuntius (1610), entre outras. Todo isto isto convenceu a Galileo das teorías de Copérnico.De tódolos xeitos, a defensa do heliocentrismo ocasionoulle problemas coa Inquisición.
O 31 de outubro de 1992 o Papa Xoán Paulo II recoñeceu publicamente que a condena imposta polo tribunal eclesiástico que xulgou a Galileo foi inxusta.

2.5.07

Pregunta da semana: AS PASAS E A MEMORIA


A miña nai di que comendo rabiños de pasas aumenta a memoria. Eu digo que resolvendo problemas aumentaremos a nosa capacidade de razoamento, por tanto podemos ser un pouco máis lóxicos, reflexivos e, en consecuencia, un pouquiño máis intelixentes.

Comín un total de 100 pasas de uva nun período de 5 días. Despois do primeiro día, cada día comín seis pasas máis que o día anterior. Cantas pasas de uva comín o primeiro día? Cantas os demais días?

Extraído da revista Números

1.5.07

Algunhas biografías (III)

PITÁGORAS (¿Samos, 580? A.C. – Metaponte, Magna Grecia, ¿497? A.C.) (Sheila L. Sanjurjo)

Sábese moi pouco da súa vida con exactitude. Posiblemente naceu en Samos, emigrando máis adiante cara Crotona, cidade de Italia, onde fundou a escola político-relixiosa e filosófica do mesmo nome (¿530?). Era unha comunidade rexida por normas ascéticas, centrada no estudio das matemáticas e activa na política da cidade. Serviu de modelo a moitas outras. Atribúeselle a Pitágoras a doutrina da inmortalidade e da transmisión das almas e a consideración da matemática como chave da resolución de enigmas do universo e como instrumento de purificación da alma. A lenda presentouno coma un ser sobrehumano, sabio e profeta. A tradición atribúelle a creación do teorema sobre o cadrado da hipotenusa e a tabla de multiplicar. Pitágoras non deixou ningunha obra escrita.

Leonardo Fibonacci (Yolanda Castro)

Matemático italiano.Coñecido tamén como Leonardo de Pisa, puxo fin á numeración romana e deu pleno desenvolvemento á utilización dos números árabes e hidús na súa obra Liber Abbaci(1202). Estudou a sucesión de Fibonacci. Aplicou a álxebra ós problemas de trigonometría na súa obra De practica geometrica (1220) e realizou traballos sobre as ecuacións cuadráticas, recollidos en Liber quadratorum (1225).

Sucesión de Fibonacci

Sucesión de números enteiros positivos (un)> 0, dada pola lai de recorrencia an =an-1 + an-2 ,onde n > 2. As diferentes sucesións resultan dunha elección concreta dos dous primeiros termos a0, a1. Denomínase normalmente sucesión de Fibonacci a aquela que fai a0 = a1 = 1 que ten por primeiros termos 1, 1, 2, 3, 5, 8, 13, 21, 34, 55..., chamados números de Fibonacci. Esta sucesión é un modelo matemático representativo de moitas situacións distintas e fenómenos do mundo real,e está relacionada con outros conceptos como o numero áureo.

Bibliografía: Enciclopedia Galega Universal. Ed. Ir Indo