20.11.06

Pregunta da semana: Sudoku


Resolve o seguinte sudoku


No teu comentario pon as 9 filas (horizontais) cos números ordeados

17.11.06

Agradecemento

Quero agradecer a colaboración dun exalumno meu no IES Moncho Valcarce que está a enviarme de cando en vez algún correo con enlaces interesantes e incluso ideas e colaboracións.

Por exemplo enviou este chiste matemático (aproveito con el para que me enviedes máis chistes matemáticos e poder facer un artigo todo de chistes):

Dille Xesús aos seus discípulos:
- En verdade vos digo: y = x2
Os discípulos comentan entre si polo baixo, e por fin di Pedro:

- Maestro, non entendemos.
- É unha parábola

Chámase Santiago Castro Castrillón e agora está a estudiar Enxeñería Informática. Podes visitar o seu blog

Cifras "moi pesadas"

Un 22,9% dos galegos con máis de 18 anos padece obesidade, o que supón que entre 500.000 y 600.00 persoas teñen esta enfermidade en Galicia.

Ademais seis de cada dez (60%) teñen sobrepeso. "Cifras inquietantes" en opinión do endocrinólogo Fernando Cordido (do Juan Canalejo da Coruña).
Cordido engadíu que nos últimos 15 anos triplicouse a tasa de obesos entre os nenos e nenas ata chegar ata o 14% da poboación infantil.

Tamén se incrementou a frecuencia en outro grupo de idade que antes non padecía esta doenza, como é o dos anciáns, pois preto dun 42% das persoas maiores de 60 anos é obesa.

Cordido observou que a prevención «es tarea de todos», tal e como sinala o lema do "Día Nacional de la Persona Obesa", e aclarou que «no hay que culpar» de esta enfermidade a quen a sufre, pero sí «responsabilizarle» da súa milloría.

Cabe destacar que en España ao longo dun ano prodúcense unhas 3000 mortes prematuras a causa da obesidade.

Para facerlle frente, os médicos aconsellaron diminuír o consumo de calorías, en especial dos alimentos con alto contenido en graxas, e aumentar o exercicio físico, pois unha mala dieta e o sedentarismo son as principais causas desta enfermidade.

Hai que ter en conta os numerosos problemas de saúde que acarrea unha mala alimentación en un elevado sobrepeso.
Que facedes vos para cuidar a vosa saúde?

6.11.06

Pregunta da semana: Movendo as bases



Sabes que adoitamos escribir os números en base 10. Por exemplo o número 7432 en base 10, o que realmente quere dicir é 7·103+4·102+3·101+2·100 .

Un número coas cifras ABCDE(b (ese subíndice indica que está escrito en base b) é o número en base 10:

A·b4+B·b3+C·b2+D·b1+E·b0

En que base está escrito o número 65(b se é igual ao número 53 en base 10?


Como se escribe o número 2405(7 en base 8?

30.10.06

Pregunta da semana: As fillas de Caxado


Diálogo de ...

Evaristo: - Cantos anos teñen as túas tres fillas?
Caxado: - Direiche o producto das súas idades que é 36.
Evaristo: - E, cal é a súa suma?.
Caxado: - O número do portal da casa de enfrente.
Evaristo: - Fáltame un dato.
Caxado: - A maior toca o piano.
Evaristo: - Entón xa sei as súas idades.

E ti, sabes dicir as idades das tres fillas de Caxado.?

22.10.06

Pregunta da semana: Carreira con mentirosos


Antonio: "Eu non cheguei último"
Bernardo: "Carlos chegou terceiro"
Carlos: "Antonio chegou inmediatamente detrás de Ernesto"
Daniel: "Ernesto chegou en segundo lugar"
Ernesto: "Daniel non ganou a carreira"

Por algunha razón os dous primeiros clasificados mentiron e os outros non. Cal foi a orde de chegada dos cinco corredores?. Explica con detalle o teu razoamento.

15.10.06

Pregunta da semana: Resolve o Kakuro


Preséntovos un xogo-puzzle, por suposto xaponés, chamado Kakuro.

Trátase de encher as casillas (so as de cor máis claro) con cifras do 1 ao 9 de xeito que nunha mesma serie consecutiva en vertical ou en horizontal non se repitan e tendo e conta que o resultado da suma das cifras da columna está por debaixo da diagonal do recadro superior desas columnas e a suma das cifras da fila está por encima da diagonal do recadro da esquerda desa fila.

Podes ver un exemplo solucionado na imaxe seguinte




Cando o solucionedes escribide os números por filas (son 5 filas).

Recomendo imprimir a imaxe e moito ánimo


Podes atopar máis kakuros e xogar en www.kakurolive.com

13.10.06

Cifras destes días para a reflexión

Propoño que reflexionedes con estas poucas cifras (escalofriantes) das moitas que aparecen tódolos días nos xornais. Ademais tamén vos invito a apuntar algunhas que vos preocupen e a pensar o xeito de evitar que se repitan.

Tráfico:

  • No que vai de ano 77 xoves (10 deles menores de idade) morreron nas estradas galegas.
  • O velocímetro do coche no que viaxaba un rapaz de 17 anos morto en Caldas marcaba 205 qm/h.
  • O conductor deste coche ten 18 anos e o carné recén estreado. O seu estado é grave.

Violencia de xénero:

  • No que vai de ano 60 mulleres morreron a mans das súa parella ou ex-parella.

Conflictos internacionais:

  • Desde a invasión liderada por EEUU de Irak, xa morreron uns 25000 civís de forma violenta.
  • Se no reconto de vítimas incluímos todas as producidas de xeito violento, a cifra ascende a 600000.
  • Un tercio dos mortos en Líbano son menores según Unicef.

Debemos axudar a rebaixar estas cifras no futuro. Como?

9.10.06

Empezamos curso 2006-2007

Ola de novo
Co comezo de curso 2006-2007, empezan tamén novos comentarios "mateproblemáticos" do Caxado.
Anímovos a participar.
Este curso de vez en cando poñeremos unha reseña biográfica dalgúns matemáticos célebres (algúns deles non moi coñecidos). Empezamos con:

Vitruvio (Roma s. I a.d.C.)

Inxeñeiro e mecánico convertiuse nun arquitecto militar do emperador Julio César.

Durante o reinado de Augusto (están dedicados a este emperador) escribiu os dez libros de "De Architectura" nos cales trata de construccións, templos, estilos e tamén hidráulica, xeometría, astronomía e máquinas militares. As tres categorías que se denominan: firmitas (solidez estructural), utilitas (funcionalidade) e venustas (beleza) terán unha gran influenza sobre a cultura arquitectónica italiana do Renacemento. O tratado, de feito, foi empregado como soporte teórico das enunciacións de novos tipos de arquitectura, dos cánones, baseados na simetría e a proporcionalidade da parte co todo así como, máis diretamente, como manual técnico-práctico.

A primeira edición de imprenta apareceu en Florencia en 1485. Foi publicado en Roma en 1486 e a continuación fixéronse numerosas edicións, incluso traducíndose a varios idiomas europeos. E curioso que na súa época tivera escasa importancia.

O famoso debuxo que tedes arriba foi realizado por un coñecido artista do Renacemento italiano. O título é precisamente O Home de Vitruvio e foi realizado seguindo as proporcións indicadas na obra de Vitruvio. Supoño que non é necesario mencionar o nome do "debuxante"...

19.6.06

Ilusións (por Pablo Hurtado Grima)

Os dous rectángulos negros son exactamente iguais. Cal parece maior?
Parece que se retorce
Móvense?
Hai puntos grises nas interseccións?
Un cubo ou chan con dúas paredes?
Móvense
Imaxes aportadas por Pablo Hurtado Grima

17.6.06

As novas tecnoloxías e os/as acosadores/as

Uns estudantes de Galiza agrediron a un compañeiro dándolle unha malleira mentres outro os gravaba co móbil. Despois ese vídeo pasaba de uns a outros para diversión de-mentes enfermas?.
Por suposto o centro, que se enterou dos feitos seis meses despois, tomou as oportunas medidas disciplinarias e os agresores e o "cámara" foron expulsados.
Ao parecer hai ata catro vídeos con vexacións (ler máis en La Voz de Galicia)

Noutro centro dedicáronse a colgar da rede fotos de compañeiros acompañadas de frases inxuriosas, insultos e alcumes denigrantes.
Trala denuncia dun pai a Policía xa tomou cartas no asunto.

O último boletín de Vixilancia Tecnolóxica da policía nacional analiza o acoso escolar, que define como «un maltrato continuo e deliberado que un neno recibe por parte doutro co fin de apocalo, asustalo ou maltratalo».

Cres que hai algún tipo de acoso ou maltrato no Monte Caxado?
Coñeces maltrato ou acoso noutro Centro?

15.6.06

Matemáticas e sociedade

Según un informe presentado pola Consellería de Educación, titulado A Calidade Educativa dos Centros Docentes e que foi elaborado polo Instituto de Ciencias da Educación (ICE), o alumnado dun contexto sociocultural medio-baixo presenta unha cualificación en Matemáticas superior á media de España.

Outra das características asociada ao alumnado galego é a súa maior sensibilidade cara ao medio ambiente en relación ao resto de España, que se acentúa a medida que pasan os cursos. En cuarto de secundaria, de feito, os mozos destacan por unha maior formación en educación ambiental e en segundo, pola súa actitude de tolerancia.

(Seguir lendo en La Voz de Galicia)

Que opinas ti?

Números AMIGOS

Dous números son amigos cando cada un é igual á suma dos divisores do outro.
O menor par de números amigos é o formado por 220 e 284:
Suma dos divisores de 220:
1 + 2 + 4 + 5 + 10 + 20 + 11 + 44 + 55 + 110 = 284
Suma dos divisores de 284:
1 + 2 + 4 + 71 + 142 = 220
Euler publicou en 1750 unha lista de sesenta pares e curiosamente olvidou o segundo par en orden crecente: 1184 y 1210 que foi descuberto por Paganini en 1866 aos 16 años de idade.
Outros números amigos son (6232 e 6368), (2620 e 2924), (18416 e 17296), (9437056 e 9363284) ....

13.6.06

Coincidencias no 11-S? (Por Diego Castro Viña)

O número 11 nos últimos anos pasou a ser un número inquietante. Pódese dicir que o 11 de setembro de 2001 produciu as seguintes simples casualidades. Outros, en cambio, pensan que foron casualidades forzadas:

  1. Nova York é o Estado nº 11 da Unión Americana.
  2. O 1º dos voos que se estrelaron coas torres Xemelgas era o número 11.
  3. Este levaba 92 persoas: 9+2=11
  4. O voo nº 77 levaba a 65 pasaxeiros: 6+5=11
  5. A traxedia tivo lugar o día 11/9: 9+1+1=11
  6. O número de urxencias de EE.UU. é o 911: 9+1+1=11
  7. Este día foi o 254 do ano: 2+5+4=11
  8. Para rematar o ano faltaban 111 días.
  9. As víctimas totais nos 3 avións (contando o do Pentágono) foron 254: 2+5+4=11
  10. O famoso Nostradamus (11 letras) profetiza a destrucción de Nova York na centuria número 11 dos seus versos.
  11. O máis tenebroso é o número que forman as 2 torres...

Seguides pensando en que foi casualidade?
Pois escribide no Microsoft Word:Q33 NY (é o código dun dos voos que se siniestrou). Selecciona o código e pono en letra Wingdings tamaño 30 aproximadamente.
¿Qué vos parece agora?

Aportado por Diego Castro Viña

12.6.06

Pregunta da semana: 7 cifras


Problema extraído dos "Retos matemáticos" de DIVULGAMAT (sección do Profesor Santiago Fernández Fernández).

En que número estou a pensar se o elevo ó cadrado, o resultado vólvoo elevar ó cadrado e a este último resultado o multiplico polo número de partida e obteño un número de 7 cifras e rematado en 7 ?

11.6.06

Unhas cifras sobre maltrato a menores (por Sara López Valiña)

Segundo un estudio realizado polo teléfono do menor da Fundación ANAR, 17 de cada 10.000 menores son maltratados en España. Este estudio revela que a víctima é sobre todo nena, nos casos de violencia física e psicolóxica e abusos sexuais, e o agresor, o pai.

O estudio baseouse en 14.114 chamadas sobre maltrato infantil recibidas nos últimos doce anos e mostra cómo, por Comunidades Autónomas, o maior número de chamadas Atendidas, proceden de Madrid, Asturias, Castilla e León e Ceuta e Melilla.

A pesar de que ó teléfono chaman máis nenos que adultos, estes son os que máis denuncian os casos de violencia, algo que, segundo explicou a directora do teléfono é debido á dificultade do menor para identificar unha situación como maltrato e o seu medo a romper o silencio e os seus descoñecementos sobre onde pedir axuda.

Se se analizan as consultas sobre maltrato, o físico e o abuso sexual son os dous principias casos rexistrados.

A víctima do maltrato físico e psíquico piden axudas soe ser unha rapaza (64.3% das chamadas), máis ca un rapaz (35.7%),inda que no caso do abandono as cifras iguálanse.
Sen embargo, no caso dos abusos sexuais a proporción das rapazas triplícase a dos rapaces abusados.

O estudio revela que os adolescentes de entre 14 e 17 anos representan o 41% das chamadas de maltrato, pero o abandono é maior entre os nenos de entre 0 e 5 anos.

Sobre o perfil do agresor, existen diferentes segundo o tipo de maltrato: nas agresións físicas o pai aparece en maior proporción (35.5%), e a nai (26%); os pais en conxunto (20%), e a parella da nai (5.6%). No maltrato psicolóxico mantense porcentaxes semellantes, pero no abandono, o principal agresor é a nai (39.7%), seguidos de ambos pais (26.7%) e o pai (7.6%).

Tanto os menores como os adultos que narran situacións de maltrato a nenos contan que no seu entorno rexístrase consumo de alcohol, violencia de xénero, consumo de drogas e problemas psicolóxicos como depresión e intentos de suicidio.

Texto elaborado por Sara López Valiña

6.6.06

Máis cifras: Desenvolvemento urbanístico sen control



Unha das principais lacras contra o Medio Ambiente é o desenvolvemento urbanístico sen control. No pasado Día Mundial do Medio Ambiente unha das principais protestas foron contra este irracional interese de construcción principalmente no litoral.

Segundo os ecoloxistas, entre 1990 e 2000 o chan urbanizable en España aumentou 170.384 hectáreas, o que supón o 25% do territorio e neste mesmo período perdéronse 239.248 hectáreas de chan forestal. En 2005, batéronse todos os récords de construción chegando ás 800.000 vivendas, de modo que a construción pasou a converterse en un dos principais negocios e o motor económico do país.
Denuncian tamén a degradación do litoral mediterráneo, que "é un exemplo que se estende a todo o Estado", polo cal "as costas se resenten, a edificabilidade dos 1.700 quilómetros de franxa marítima en Galicia aumentará un 75% cos novos proxectos urbanísticos, que programan 600.000 pisos.

Pregunta da semana: Unha pregunta trascendente


Sen dúbida coñeces tres importantes números irracionais con nome propio:

  • π (3,14159...) que establece a razón entre a lonxitude da circunferencia e o seu diámetro
  • e (2,71828...) que é o límite da sucesión (1 + 1/n)n
  • Φ (1,61803...) que é o número de ouro, era coñecido e estaba moi presente xa na Grecia clásica nas obras de arte. Aparece tamén en moitas manifestacións da natureza.

Entre os dous primeiros e o terceiro hai, matemáticamente falando, unha gran diferenza. Descubre cal é; e explícao ben no teu comentario.

31.5.06

Máis cifras estremecedoras

O consumo de alcohol está moi extendido entre os xoves e conta co consentemento dos pais na metade dos casos. Esta é a principal conclusión á que chegamos no "Libro Blanco sobre la relación entre adolescencia y alcohol en España", presentado pola Fundación Alcohol y Sociedad, fundada pola Federación Española de Bebidas Espirituosas (FEBE).

Asegura que o 61% dos adolescentes entre 12 e 18 anos consume bebidas alcohólicas. A idade media de inicio de consumo é de 14 anos e a vía máis frecuente é o botellón.

Un 45% dos xoves consumidores asegurou que os seus pais lle permiten beber e outro 40% afirma que bebe aínda que o ten prohibido. Un 5% dos adolescentes recoñece emborracharse regularmente (máis de 30 veces ao ano).

A facilidade para conseguila bebida é asombrosa: O 43,4% asegura que o consegue en calquera establecemento e outro 29% en supermercados.

Queres contarnos o teu caso de xeito anónimo?

29.5.06

Pregunta da semana. Os botes, as abellas e as Matemáticas


1ª pregunta: Por que a maioría das potas, dos vasos, dos botes de conservas, etc. son "redondos" (ou, mellor dito, cilíndricos)?

Se algunha vez observaches un panal daríaste conta de que as abellas son unhas excelentes constructoras de hexágonos.
2ª pregunta: Por que as abellas fan eses mosaicos precisamente con esa figura xeométrica?


Buscade ben as respostas. Debe ser detallada e ben explicada

25.5.06

Irracionais pero moi Reais: O número de ouro (Divina proporción)




O número de ouro, Φ (fi), é irracional (ten infinitas cifras decimais que non se repiten con periodicidade). O seu valor é Φ = 1,61803... e compite con π (pi) en popularidade e aplicacións. O seu descubremento data da época da Grecia clásica (s. V a. C.) aínda que o seu nome (Φ) non o recibe ata o século XX.

O valor exacto de Φ é (1+√5)/2, solución da ecuación x2- x -1 = 0


Que mide?
Se queremos dividir un segmento en dous anacos de distintos tamaños, só existe un xeito de facelo tal que a razón que garda o segmento completo e a parte maior sexa igual á razón entre a parte maior e a menor. Esa razón é xustamente 1,618...= Φ.

Un rectángulo aureo é aquel no que a relación entre o seu longo e largo é o número de ouro. De tódolos rectángulos posibles este é o máis agradable á percepción.

Φ aparece en numerosas obras de arte, nas tarxetas de crédito, nas dimensións estandar das fotos, na natureza (crecemento das caracolas, das piñas, distribución das ramas e as follas dun tallo, no corpo humano...)

Incluso a Rafael Alberti chegou a inspirarlle un poema:

A ti, maravillosa disciplina,
media, extrema razón de hermosura
que claramente acata la clausura
viva en la malla de tu ley divina.
A ti, cárcel feliz de la retina,
áurea sección, celeste cuadratura,
misteriosa fontana de mesura
que el universo armónico origina.
A ti, mar de los sueños angulares,
flor de las cinco formas regulares,
dodecaedro azul, arco sonoro.
Luces por alas un compás ardiente.
Tu canto es una esfera transparente.
A ti, divina proporción de oro.

22.5.06

Pregunta da semana: 2 = 1 ???!!!


Partamos da suposición de que a = b
Se multiplicamos por a en ambolosdous membros da igualdade queda:
a2 = ab
Restamos b2 nos dous membros da igualdade:

a2 - b2 = ab - b2
Como a diferenza de cadrados é igual á suma pola diferenza (1º membro) e sacando factor común (2º membro) queda:
(a+b)(a-b) = b(a-b)
Simplificando (dividindo os dous membros por (a-b)):
(a+b) = b
Como supuxemos inicialmente que a = b, queda que:
2b = b
Polo tanto: 2 = 1
2 = 1 ????. !!!! Onde está o erro deste razoamento?

16.5.06

A xeometría en fotos







Pregunta da semana


Cando vexades esta imaxe de enriba, significa que hai plantexada unha pregunta (case sempre moi sinxela) dirixida ao alumnado do CPI Monte Caxado; e que aquel alumno/a que resposte correctamente e de primeiro/a un número considerable delas, puntuaralle na nota do curso en relación ao número de preguntas respostadas e á dificultade das mesmas.

  • Pregunta: Por que non hai Premio Nobel de Matemáticas? Que outros premios para matemáticos e matemáticas son considerados como os Nobels das matemáticas?

Outras cifras alarmantes

Entre 160.000 y 170.000 adolescentes de 14 a 18 anos consumiron cocaína nos últimos 12 meses, informou a ministra de Sanidade, Elena Salgado. A porcentaxe multiplicouse por catro nos últimos dez anos (de 1994 ao 2004) e pasou do 1,8% ao 7,2% dos adolescentes. A titular de Educación considerou que este progresivo e vertixinoso aumento do consumo de drogas é "alarmante". (Diario "El País")

2.5.06

Para reflexionar: Algunhas CIFRAS destes días

  • Informe UNICEF: A fame mata máis de 5.500.000 de nenos ao ano no mundo. Outros 146 millóns están en perigo porque o seu peso é inferior ao aconsellábel.
  • A Unión Mundial para a Conservación da Natureza denuncia que medrou a 16.119 o número de especies animais e plantas en perigo de extinción. No informe anterior (2004) atoparon só 15.589 neste perigo. O aumento é dun 3,4%. Sinalan ao Mediterraneo como un dos 34 focos críticos de biodiversidade do planeta. Nesta rexión apuntan ás presións urbanisticas, ao turismo masivo e á agricultura intensiva como o principal empuxe hacia a extinción dun crecente número de especies autóctonas.
  • 58 mortos en accidentes de tráfico nesta ponte. Despois dos 108 mortos nas carreteras durante a Semana Santa, a sangría continúa. De estas últimas víctimas, a metade, según a DXT, non levaban o cinto de seguridade.
  • As víctimas mortais en accidentes de tráfico en vías interurbanas en Galicia aumentaron un 22,7% nos catro primeiros meses do ano, ao pasar de 75 falecidos en 2005 a 92 no mesmo período de 2006.

Esperamos os vosos comentarios ben para tentar mellorar estas cifras ou ben con outras cifras que vos queirades sinalar.

26.4.06

Suxestións para o traballo

Cantas veces teño escoitado aquilo de "as Matemáticas non se estudan". Non sei que entende a xente que fai esta afirmación por estudar. Evidentemente as Matemáticas si que se estudan; e dun xeito moi parecido a como se deberían estudar tódalas materias.

Figuran a continuación unhas poucas suxestións para axudar a un mellor traballo das Matemáticas e de tódalas materias.

O primeiro é traballalas desde o primeiro día e un pouco cada día. A lo menos debemos volver a mirar e reafirmar o dado en clase para non esquecer o xa entendido e poder así comprender o do día seguinte. Se rachamos esta cadea é evidente que non entenderemos contidos posteriores e iremos acumulando un déficit comprensivo dificilmente recuperable.

Aínda entendendo os pasos realizados polo profesor ou por un compañeiro para a resolución dun exercicio ou problema, non seremos quen de facelo nos se non o intentamos antes. Non se trata de repetir os problemas xa feitos ata que os aprendamos de memoria, se non que debemos comprender os pasos dados en cada momento; non é cuestión tanto de memorizar se non de pensar e comprender no que imos escribindo e por que o escribimos. Debemos mirar, ler e comprender os noso apuntes ou libro antes de poñernos diretamente a resolver exercicios ou problemas.

Cómpre ter un horario semanal fixo: é moi recomendable confeccionar un horario realista (facilmente realizable) que fixe as horas que imos a adicar a cada tarefa día a día. Neste horario fixaremos as actividades fixas e encheremos o tempo libre para o estudo e tamén o lecer (que é importante).

Cando nos poñemos a estudar debemos fixarnos metas e aproveitar o tempo (é habitual levantarse para beber sen sede, para comer sen fame, para mirar que poñen na TV, ...). "Un bo estudante debe ter un bo traseiro no que sentarse"

O sitio de estudo será o máis illado e cómodo posible para a tarefa que nos ocupa: Un sitio onde podamos estar concentrados, con espazo amplo para ter o libro e/ou libreta aberta e onde, ademais, poder escribir en folios "a sucio" esquemas, gráficos, exercicios, etc. Tamén debemos anotar as dúbidas e, se non somos capaces de superalas por nos mesmos, preguntalas e resolvelas canto antes.

Se aproveitamos a explicación nas clases o traballo será moito máis doado. Cando o profesor explica a materia debemos estar concentrados na súa explicación para ir comprendendo paso a paso. Se nalgún momento non entendemos debemos preguntar (é evidente que se non estamos centrados na explicación e estamos falando ou pensando noutra cousa non imos a entender nada, pero tampouco temos dereito moral a preguntar e interromper). Despois disto se ao chegar á casa facemos o exposto anteriormente o curso será coser e cantar.

Unha cousa que nunca debemos facer é non tentar superar as dificultades. Todo obstáculo debe ser superado ou, polo menos, hai que loitar para elo. Non se debe caer nunha debilidade de carácter: é habitual que calquera dificultade pareza algo insalvable. NON É ASÍ. Con esforzo todo é superable.

Pensemos en todo momento que estamos a traballar para nos mesmos e que todo o que fagamos aportará algo á nosa formación e ao noso futuro. Se pensamos que o que facemos non nos servirá de nada, ademais de enganarnos a nos mesmos, fará que a dedicación non sexa coa concentración e interese axeitados para un bo aproveitamento.

Espero os vosos comentarios e que todo isto serva para mellorar.

19.4.06

Ola

“As matemáticas son o alfabeto co que Deus escribiu o Universo” (G. Galilei).

Este blog nace coa humilde pretensión de achegar as matemáticas ao alumnado de secundaria do CPI Monte Caxado. E, non só achegalas, se non que tamén practicalas e buscarlle relación coa nosa vida cotiá. Ao longo das nosas vidas, xornada tras xornada, cantas veces facemos uso das matemáticas sen apenas decatarnos?. Poderiamos vivir sen uns coñecementos básicos desta disciplina?. Seguramente a resposta no 100% dos casos é NON. Polo tanto non adoptemos posturas negativas cara a esta materia e, pola contra, profesorado, pais, nais e alumnado fagamos derrubar as moitas lendas negras desta asignatura, como por exemplo:


  • “Eu non valgo para elas”
  • “As matemáticas non se estudan; hai que nacer”

Esperemos que con estes comentarios (a ver se este é o primeiro dunha serie periódica e continua) todos vexamos outras formas de achegarnos á asignatura, outras relacións entre as cousas que nos rodean e as MATEMÁTICAS. É o propio alumnado o que elabora os contidos do blog e pretendemos nomear sempre as fontes de onde sae a información, pero se ti atopas algún erro ou omisión, pregamos que no lo fagas chegar.Gracias a todos e todas e esperamos que vos guste.