26.4.07

Chiste matemático (Por Sara López Valiña)

Xa hai tempo que Sara enviou algún chiste, hoxe publico este e queda outro para outro día. Animádemos a enviar chistes relacionados coa asignatura. Tamén recibín hai meses un correo de Iria Teijido propoñendo como tema a publicación de poemas, cómic, ou calquera outra obra relacionada coas matemáticas. (Grazas, ás dúas, pola vosa colaboración e perdoade a miña tardanza en actualizar contidos)


Enxeñeiros e científicos nunca gañarán tanto diñeiro como os executivos de negocios. Agora temos a proba matemática que explica por que isto é certo.
Postulado 1: Coñecemento é Potencia (Poder).
Postulado 2: Tempo é Diñeiro.
Como todos sabemos,

Traballo
-------- = Potencia
Tempo

Como

Potencia = Coñecemento, e Tempo = Diñeiro, temos:

Traballo
-------- = Coñecemento
Diñeiro

Despexando Diñeiro, obtemos:

Traballo
---------------= Diñeiro
Coñecemento

Desta forma vemos que, cando o coñecemento se achega a cero, o Diñeiro achégase a infinito, sen que importe moito o traballo feito.
Conclusión: Canto menos saibas, máis diñerio gañarás.

(chiste extraído desta páxina)

Algunhas biografías (II)

Eratóstenes (por Rosalía López)

Astrónomo, xeógrafo, matemático e filósofo grego.
Naceu en Cirene (África do Norte) c. no 275 a. de Cristo e morreu no 194 a. de Cristo en Alexandría. Viviu durante moito tempo en Atenas, e logo foi chamado a Alexandría (c. 245 a. C.) por Tolomeo III, quen lle confiou a educación dos seus fillos e logo a dirección da biblioteca de Alexandría. As súas aportacións no campo das Ciencias foron moi importantes na Astronomía, Xeografía e, sobre todo, nas Matemáticas, pola súa famosa criba – que conserva o seu nome – para atopar os números primos; e polo mesolabio, instrumento de cálculo para resolver o problema da media proporcional. Foi o primeiro en medir dun xeito exacto a lonxitude da circunferencia da Terra, para o que determinou a amplitude do arco do meridiano entre Siena (no sur de Exipto, preto da actual Assuan) e Alexandría: sabendo que no solsticio de verán o sol en Siena achábase na vertical do lugar, xa que os raios penetraban nos pozos máis fondos, mideu coa axuda da sombra proxectada por un gnomon, o ángulo formado, en Alexandría polos raios solares coa vertical. O resultado foi de 7,2º = 7º 12´. Dado que Alexandría e Siena atópanse a 800 km de distancia aproximadamente no mesmo meridiano, deduxo que a 7,2º da circunferencia terrestre correspondían 800 km; logo a 1º, 800: 7,2 e a 360º corresponden 360 X 800 : 7,2 = 40.000 km. Dito doutro xeito, en razón da propagación rectilínea dos raios solares e do paralelismo existente entre eles, o ángulo, desta forma medido, correspondía ao ángulo formado no centro da Terra polo radio terrestre de Siena e de Alexandría, obtendo así a amplitude do arco inteceptado por ámbalas dúas cidades sobre o meridiano. Logo midiu sobre o terreo a dimensión deste arco. Obtivo para a circunferencia enteira, é dicir, para o meridiano, douscentos cincoenta e dous mil estadios, isto é, case corenta millóns de metros. Logo repitiu este cálculo, baseándose na distancia de Siena a Méroe, que coidou que estaba tamén no mesmo meridiano, e obtivo un resultado concordante. Eratóstenes era amigo de Arquímedes co que se comunicaba por carta contándolle os seus descubrimentos.

BIBLIOGRAFÍA:
Enciclopedia Larousse, tomo 4. Enciclopedia Galega Universal Ir Indo, tomo 8. Matemáticas 3º de Bacherelato, Edicións S.M. 1964

DESCARTES (1.596-1.650) (por Paula Carballo)

Filósofo e científico francés, considerado o pai da filosofía moderna.

Graduouse en Dereito pola Universidade de Poitiers, e máis tarde alistouse nos exércitos de Mauricio de Nassau e do duqu8e de Baviera.

A obra de Descartes ten un comezo radical coa dúbida metódica.

Descartes influíu no desenvolvemento do racionalismo clásico e, en xeral, no descubrimento cartesiano da subxectividade e na orixe de toda a metafísica moderna.

Como científico universal achegou á matemática a creación da xeométrica analítica, counstruíu a primeira teoría mecánica xeral do Universo, formulou con nitidez o Principio de inercia e descubriu a Lei da refracción da luz.

Estendeu tamén o mecanismo ó campo da biología e da fisiología humana, e privou a alma de calquera fundamento vital.


Bibliografía: Enciclopedia Galega Universal (tomo 7)
Ed. Ir Indo

24.4.07

Apaga a TV

Ecologistas en acción súmase á semana internacional sen televisión



Xa perdemos case dous días, pero nunca é tarde se...

Observa este vídeo (parece contraditorio promover un NON á TV cun vídeo, pero fai o seu labor) de Adbusters
e reflexiona.


Algunhas biografías

O día do libro consultamos e resumimos as biografías dalgúns matemáticos ilustres que iremos publicando estes días. Podes completar ou rectificar estas informacións nos comentarios

EULER, Leonhard (1707-1783) (Por Alba Fraga)

Matemático, físico, enxeñeiro e filósofo.

Discípulo de J. Bernoulli na Universidade de Basilea, foi profesor de física e matemáticas na Academia de Ciencias de Rusia en San Petesburgo, traballou tamén na Academia Prusiana de Ciencias de Berlín.

Fixo numerosos descubrimentos no campo do cálculo, da xeometría, ou da álxebra, incluso despois de quedar cego.

Débenselle moitos teoremas e fórmulas como o de Euler-Lagrange, o teorema sobre os poliedros, a fórmula de Euler ou a introducción das anotacións f(x) para as funcións, o número "pi", o número e como a base de logaritmos, o i para representar a unidade imaxinaria.

Bibliografía: "Enciclopedia Galega Universal" (Ed. Ir Indo).


Isaac Newton (1642-1727) (Diego Castro Viña)

Físico, matemático e astrónomo británico. Fillo dun terrateniente, estudou en Grantham; aos 18 anos foi enviado a Trinity college, de Cambridge. Pero en 1665, Cambridge pechou e ingresou en Woolsthorpe, ata 1667.

Nesta época foi cando realizou os descubrimentos polos que se fixo famoso: o cálculo infinitesimal, a natureza da luz blanca e a teoría da gravitación universal.

En 1669 sucedeu ao seu profesor de matemáticas e completou a explicación do arco da vella de Descartes. No 75 comunicou a súa explicación das cores dos corpos.

En canto a astronomía, fabricou o seu propio telescopio de espello e escribiu Principios matemáticos de filosofía natural. Nesta obra expón as leis de choque, estuda os movementos dos fluídos, calcula a precisión dos equinoccios, a teoría das mareas, etc.

Newton tamén foi un autor de descubrimentos matemáticos. Publicou Aritmética universal, e un Tratado sobre a cadratura das curvas, no que expuxo as regras de cálculo de fluxiones. Logo tivo polémica con outro matemático, Leibniz; isto explica as vacilacións antes das súas publicacións.
Morreu do mal da pedra, e foi inhumado en Westnunster.

BIBLIOGRAFÍA: Nueva Enciclopedia Larousse (Ed. Planeta).