9.6.08

Máis consellos verdes

En "El País Semanal" deste fin de semana lin un artigo de Carmen Mañana titulado "Dar al botón verde" no que describe algunhas actuacións de grandes multinacionais do sector da electrónica en prol da sustentabilidade. Non esquezamos que o sector tecnolóxico emite o 2% do CO2 mundial; a mesma cantidade que a aviación.

Dous apuntes importantes:

  • Moitos usuarios de teléfonos móbiles non saben que un acto tan habitual como deixar un cargador conectado á toma de corrente cando non se está a usar supón un considerable gasto enerxético. Segundo estimacións de Nokia, a enerxía que se podería aforrar se todos os usuarios dos seus teléfonos móbiles (900 millóns de persoas) desenchufaran os cargadores cando non os necesitan sería equivalente á que se consume en 100.000 vivendas europeas de tamaño medio durante un ano.
  • O stand by (a luceciña vermella que indica que un aparato está á espera de ser encendido) é sinónimo dun gran derroche enerxético e económico. Segundo datos do Instituto para el Ahorro y la Diversificación de la Energía (IDAE), a factura elétrica dun fogar medio podería baixar un 12% ao ano só con apagar o stand by de todos os aparatos. Outro estudo da Agencia Internacional de la Energía apunta que o consumo dos equipos electrónicos que non se usan supón entre o 5% e o 16% do consumo total de cada fogar.
Son datos que nos deben facer pensar cada vez que apaguemos un aparato só co mando a distancia. Podemos poñer freo a este derroche só con desconectar aqueles aparellos que non estemos a empregar. Fácil, non?

1 comentario:

antia92 dijo...

Eu sabía o do stand by da televisión, pero o do móvil non, aínda que sempre o desconecto!Son moi cuidadosa con isto da electricidade e da auga!O cambio climático está aí!!!

Un saúdo